Saturday 27 de April de 2024

O Goberno local saca adiante os modificativos de crédito para poder pagar as indemnizacións polas expropiacións do Castro de Elviña


 

A utilización do superávit do 2018 e 2019 para facer fronte aos pagos queda condicionado ao visto e prace por parte do Ministerio de Facenda

Corporación aprobou esta mañá os tres modificativos de suplemento de crédito presentados polo Goberno local. O primeiro deles, o M5/2019 (de modificación do anexo de subvencións nominativos procedentes do orzamento de 2019) por un importe de 20.000 euros será destinado a distintas entidades sociais. O Consorcio Galego de Servizos de Saúde e Igualdade verá incrementado o crédito nun total de 6.250 euros para a xestión dos centros de día de Eirís e Monte Alto, tal e como propuxo a Área de Benestar Social. O resto, 13.750 euros, destínase a outras entidades despois de que os grupos aceptasen unha emenda presentada polo grupo municipal socialista para facer unha repartición “entre entidades que fan unha labor encomiable”, explicou o portavoz socialista José Manuel Lage. Este incremento no crédito destinado a entidades de carácter social finánciase a cargo do convenio previsto coa entidade SOS Racismo que renunciou á formalización da sinatura do seu convenio co concello.

En canto aos outros dous modificativos, trátase de dous suplementos de crédito (6,2 millóns de euros e 453.265 euros) destinados a lle facer fronte ao pago das indemnizacións ás persoas afectadas polas expropiacións realizadas no Castro de Elviña, cuxa sentenza firme o Concello debe acatar e que ascenden a 12.019.641 millóns de euros; 5.213.188 euros polo prezo xusto da primeira fase do Castro de Elviña e 2.860.101 millóns pola segunda fase.

O Goberno local presentoulle ao Ministerio de Facenda a posibilidade de que autorice o

Concello a utilizar o superávit de 2018 e 2019, abrindo unha vía ata o de agora nunha

utilizada e que busca evitar un grave risco para a capacidade de investimento presente e futura.

Concretamente no ano 2018 cóntase con 6,1 millóns, que se busca poida ser considerado como débeda pública, permitindo o pago das obrigas derivadas das sentenzas firmes para, deste xeito, non ter que recorrer aos orzamentos ordinarios do Concello e “manter a capacidade investidora da cidade”, explicou o portavoz do goberno, José Manuel Lage, quen sinalou a importancia de abrir esta nova vía orzamentaria para poder pagar sentenzas firmes do 2020 co superávit do 2019.

“Na negociación co Ministerio o Goberno local non só se centrou no superávit do 2018, senón no do 2019 e en exercicios futuros, o que vai permitir seguramente que non carguemos coa lousa das indemnizacións por sentenza firme” explicou Lage Tuñas ao tempo que recordou que deste xeito “non teremos que seguir incrementando a débeda por intereses ao 3%, que é o interés legal en sentenzas firmes”.

O Goberno local logrou sacar adiante, co voto positivo de Ciudadanos e a abstención do resto de grupos, o modificativo, o M6/2019, de 6,2 millóns de euros para pagar as expropiacións da primeira fase do Castro de Elviña. Esta aprobación está condicionada a que o Ministerio de Facenda dea o visto e prace a esta medida solicitada, xa que 6,1 millóns de euros proceden do superávit do 2018. No caso de que o Ministerio de Facenda non o autorizara para o superávit do ano 2018, esta cantidade terá que ser destinada a pagar débeda pública por mandato legal.

Tanto BNG como Marea Atlántica lembraron no Pleno a necesidade de que se reforme a

normativa de estabilidade orzamentaria que “ata as mans dos municipios”.

O segundo modificativo por importe de 453.265 euros, que contou co apoio de todos os grupos, procede do remanente líquido de Tesourería con cargo a 2019 e servirá para poder iniciar o pagamento das compensacións ás persoas afectadas polas expropiacións.
Lage recordou que “deste xeito damos un paso importante, que é comezar a pagar aos afectados pola sentenza do Castro de Elviña, é decir, non sò predicamos para o futuro senon que comezamos a dar trigo no presente”.

Ante as críticas dos partidos pola xestión do Goberno local e “a herdanza recibida”, o portavoz dos socialistas sinalou que o período medio de pago aos provedores “leva un liña positiva” e lembroulles aos populares que “poden criticar o que queiran a herdanza socialista de Francisco Vázquez e Javier Losada, pero a cidade leva o selo socialista, porque máis do 90% do modelo de cidade que temos foi construído e deseñado polo Partido Socialista”, o que non impide, dixo, que haxa algunha sombra entre moitas luces.

“Afrontamos o tempo no que nos tocou gobernar, sinalou, para facer fronte a determinadas situacións e se hai sentenzas firmes haberá que aceptalas e e cumprir. Intentar ensuciar o legado socialista nesta cidade é perder o tempo, porque o cambio que experimentou A Coruña da man do PSOE é algo innegable, pouco discutible e que xa está nos libros de historia”, dixo.